21 janeiro 2007

Tinta sobre as mans


Vivir esquecida por todos os que te rodean, condenada a non ser vista, oída, sentida. Obrigada a non ser.

Shirin Neshat é unha artista de procedencia iraní que trata na súa obra o tema da muller na sociedade islámica, dende unha perspectiva feminista e chea de interrogantes. A opresión da muller, relegada por completo á esfera privada e condenada á invisibilidade total, a incomunicación entre os dous xéneros ou o mundo oriental fronte ao occidental é parte do que podemos atopar nas súas fotos, vídeos e filmes.
Aínda que nos seus traballos máis recentes se serve do soporte cinematográfico, que lle permite co seu dinamismo aportar maior carga expresiva e transmitir conceptos cheos de matices, persoalmente, do que máis gosto é das súas fotografias, e concretamente das que conforman Women of Allah (1993-1997).
Esta obra fotográfica en branco e negro ten como protagonistas absolutas as mulleres islámicas. Aquí aparecen vestidas co obrigatorio chador negro pero deixando ao descuberto algunha parte do seu corpo, xunto á que se pode ver unha arma de fogo. Sobre as súas caras, os seus pés ou as súas mans levan escritas palabras en persa que falan do desexo, a sexualidade, a vergoña e todo tipo de ideas que postas na boca dunha muller son consideradas obscenas no seu mundo.
Con esta obra a autora pretende facer unha reflexión sobre a vida das mulleres no Irán despois da revolución islámica de 1979 levada a cabo polo Ayatolah Ruhollah Khomeini e que transformou por completo a sociedade iraní cun dramático resultado para a muller. Neshat colócanos diante dun tema complexo, cargado de implicacións, psicolóxicas, socio-políticas, culturais, e do que non quedan fóra nin as vivencias máis íntimas nin a violencia.
As súas imaxes están dotadas dunha forza que nos desborda e que transmite a firmeza desafiante dunhas mulleres que loitan por preservar a súa dignidade, que miran á fronte e se sirven da linguaxe para rebelarse contra unha sociedade que as oprime –a maioría dos textos pertencen a escritoras iraníes-. Apesar da súa situación, as mulleres de Shirin Neshat non aceptan a súa posición sumisa e desafían o poder.

Non podo deixar de relacionar todo o que me suxiren estas fotografías coa miña propia experiencia, e aínda que me tocou nacer no lado occidental, o certo é que nada disto me parece tan alleo como moitos pensarían. Non se debe só a unha postura solidaria. Trátase da idea de que tamén aquí deberiamos enfrontarnos á realidade así, con firmeza, e sobretodo con máis honestidade ante un problema que SI existe por moito que algunha xente se empeñe en dicir que está todo feito.

Etiquetas: ,