12 fevereiro 2007

Tod@s queremos a Radiohead

Este grupo, que moit@s xulgarán tristeiro e deprimente, leva sendo un dos meus grupos favoritos dende a adolescencia. Poida que as letras sexan unha auténtica paranoia ou que a melodía das súas cancións non sexan unha exaltación da euforia de vivir. Porén, do mesmo xeito que sucede coa poesía, cando un tipo de música nos transmite algo, sexa o que sexa, convertímolo en algo propio, adquire novos significados moi persoais e a interpretación que facemos dela pode convertirse en algo completamente diferente do que lle poida dicir a outra persoa ou da intención que estivera na súa orixe. A min Radiohead ponme super optimista.

Comezaron sendo un grupo de rock pero pouco despois orientáronse cara tendencias máis electrónicas, porén, en calquera das súas facetas acadaron cumios nos que aínda hoxe permanecen discos inesquecibeis como Pablo Honey ou Ok Computer .
Hai pouco fixen un descubrimento que me fixo pensar que algo especial ten que ter este grupo para que todo o mundo queira compartir cos demais a súa particular visión de Radiohead. Non se trata só de remixes ou de versión ailladas (como a de Jorge Drexler de High and Dry) senón de discos enteiros dos estilos máis variados.

Se vos parecía que xa non podían ser máis melancólicos probade a escoitar algún dos discos de The String Quartet Tribute To Radiohead, no que mesmo parece que as cordas choran e no que o de violonchelo pega tan ben e consegue estremecer tanto como o faría calquera interpretación de Rostropovich -espero que ninguén me mate por isto :)-
Malia que non se pode negar que teñen ese matiz como de desencanto co mundo, para Easy All Stars, Radiohead é o bo rollo e así o demostran na súa particular versión reggae, Radiodread , que despois de escoitar a anterior calquera diría que non é posíbel, pero é, e acáelle marabillosamente. Na mesma liña, alegre e vital –contraria á visión de Radiohead como grupo deprimente- a interpretación dub de I’m not the only record for you, Dub tribute to Radiohead.
Para os máis frikis, si, aínda se podían acadar límites máis extremos, Tribute Bluegrass To Radiohead, versión con banjo incluído, cun son moi metálico e minimalista, pero realmente linda.
E para rematar coa lista a máis riquiña, Rockabye Baby!, Lullay renditions of Radiohead, versión canción de berce para poñerlle aos pícaros. Non vos deixedes influír pola portada, non lles pode facer máis mal cá moita da música que se lles pon habitualmente.

Aquí tedes máis do mesmo e mesmo algúns concertos, algunha das ligazóns non funcionan pero hai cousas realmente interesantes.

Etiquetas: