16 fevereiro 2007

Un meco de moito carallo

Cando era pequena pensaba que na miña aldea andaban ao revés do resto da xente e que celebraban o San Xoán no Antroido.
Onde eu son, un mini núcleo de poboación (bastante aillado) do interior da Galiza rural lévase celebrando dende sempre un ritual de lume na noite do mércores de antroido. Nese fogo quéimase unha figura humana feita con leña, cartón e trapos (roupa desfasada de todos os tempos): é o meco.
Poida que onde vós sodes tamén se celebre esta tradición galega, ou que xa saibades de que vai o tema por era peza de Vidal Bolaño, Ladaíñas pola morte do meco, ou sinxelamente pola vosa ampla cultura da antropoloxía galega. Pero eu de nena estaba lonxe de coñecer aos míticos do teatro galego ou de saber das costumes do antroido que trascendían ao meu ámbito espacial, e o caso era en ningún sitio máis dos que coñecía se facía iso de prenderlle lume a cousas durante esta festa. Outro dato engadido era que nós non facemos a foguera de San Xoán (non me preguntedes por qué), así que a regra de tres xa estaba feita: fóiselles a cabeza e móntano ao seu xeito e cando lles dá a real gana.
Porén, despois viñen a saber que isto era algo moito máis extendido e que tiña un significado, que na miña aldea se foi esquecendo co tempo. O meco é un ser mitolóxico, unha especie de demiño vicioso, mestura de fauno e íncubo. O seu aspecto é o dun home salvaxe, bastante mal encarado, con cornos e patas de cabra que ten numerosos correlatos noutras culturas, entre eles o Trenti basco, o Urisk escocés, o Gailán árabe ou os míticos faunos, silenos ou sátiros gregos. Pero o noso é máis auténtico e
adicábase por norma a violar mulleres (sen deixar solteiras nen casadas, din).
Conta a lenda que no Grove, as mulleres decidiron acabar cos abusos, matándoo e pendurándoo dunha figueira, que dende aquela dá figos colorados. Noutros lugares o axustizamento fíxose a través do lume e nestas datas revívese.
J.G. Frazer na Pola dourada fala de moitos outros sitios onde existe esta tradición de queimar, e tamén enterrar, aforcar ou botar ao río efixes durante esta época e di que vén a significar probablemente algo que tamén está na nosa festa, a expulsión da morte e os malos espíritus para dar comezo a unha etapa nova do ano, fructífera e própera.
Teño que engadir que na miña aldea fixemos a nosa interpretación particular, non sabería moi ben dicir cal. O caso é que a día de hoxe a cousa dexenerou tanto que se queima unha familia: a meca, o meco e @ mequiñ@, que fan respectivamente, as mulleres, os homes, e @s nen@s. En fin, un mini Auschwitz.... é que somos moi de interior.

Etiquetas: