24 fevereiro 2007

Un paraugas demasiado estreito

A falta de coñecemento, as malas interpretacións e as actitudes que algunhas persoas manteñen, a mala fe, arredor do tema fai que existan moitos recelos cara o feminismo. Nalgúns ámbitos está mal visto ou é conceptualizado como un discurso que entorpece a evolución e a consecución doutras causas máis importantes.

Aínda hai pouco alguén me explicaba a súa recén descuberta: ¿sabías que o feminismo non é o reverso do machismo? Así que, aínda que pareza moi básico, cómpre partir de que o feminismo non pretende darlle a volta á tortilla para facerse, perfidamente, co poder do mundo, sometendo a homes, nenos, anciáns, animais e demais seres vivintes.

Outro pensamento extendido é o de que o feminismo atende exclusivamente aos intereses particulares das mulleres, sendo unha ideoloxía na que militas con exclusividade porque pouco ou nada che interesa o resto; unha idea que tamén se vén aplicando a outros colectivos tradicionalmente marxinalizados como movemento LBGT.

Ben é certo que o primeiro feminismo nace entre mulleres brancas de alta sociedade, porén, hoxe por hoxe este movemento acadou unha conciencia crítica sobre a diversidade e unha formulación social que atinxe a moitos máis ámbitos dos que dá a entender o seu nome, convertíndose así nun discurso tanserval. A base disto é a conceptualización do individuo (non só da muller) como un confluír de circunstancias, de intereses e ideoloxías que nos constitúen como persoas a través dunha multiplicidade de identidades. Xa que logo, unha personalidade non está constituída tan só polo xénero, senón tamén pola tendencia sexual, pola raza ou etnia, polo ideario político, e un senfín de items que fan imposíbel definirse completamente só adxetivo. De aí tamén que se fale de que non existe a muller (unha frase de Lacan que o feminismo adaptou e usou con moito tino para a súa causa), senón as mulleres.

Esta evolución veu dada, en grande medida, polo xurdimento da terceira onda do feminismo a partir da cal houbo que ampliar o concepto para falar de feminismos: feminismo marxista, ecofeminismo, movemento das mulleres negras, teoría feminista lésbica (que non ten como fin cambiar a orientación sexual de ninguén, pode que fale sobre el noutro post), etc.
Porén, mentres o/s feminismo/s se solidarizan con outras causas que asumen como propias (non podía ser doutro xeito, xa que o son), outros discursos exclúen o feminismo, se non tallantemente, como unha loita secundaria que debe permanecer supeditada aos intereses “comúns” pospoñéndoa para non entorpecer outros movementos subversivos que nos beneficiarán a “todos”.

Deste xeito un discurso de resistencia que pula por liberar unha identidade que se atopa sometida (poñamos por caso unha identidade política de resistencia) acala outras identidades (falemos do xénero ou a tendencia sexual, por exemplo), coas que debería poder coexistir perfectamente, situándoas nunha posición xerarquicamente inferior, no intento de impedir calquera fisura que lle reste forza como discurso unitario. Este fenómeno foi bautizado como totalizing umbrella por R. Radhakrishnan no contexto dos estudos poscoloniais e Helena González adaptouno como o paraugas totalizador para referirse ás cuestións de xénero no caso galego. A máxima ben sendo: aceptamos incluír calquera outra posición identitaria sempre que se manteña nun chanzo inferior no que se refire a prioridades. Unha mágoa, porque sumando esforzos a potencia medra.

Etiquetas: