Construíndose
Quitar, poñer, modificar: o nariz, os beizos, os pómulos, as tetas, as pernas, o cu... coma os das princesas das revistas. Reconstruírse a imaxe e semellanza do que gostemos, facernos a nos mesm@s, por dentro e por fóra. Mais, a pregunta é (sen meterme agora na miña opinión sobre a ciruxía estética) se podemos cambiarnos por qué facelo para parecernos máis a todo o mundo?
Se cadra parece unha contradición despois do que veño de facer aquí, pero sería interesante pensar en como a sociedade na que vivimos monopoliza o gosto, marcando un único vieiro a seguir e homoxeneizando o concepto de beleza. Algo bastante curioso se pensamos que na actualidade temos máis posibilidades ca nunca de cambiar o noso aspecto (tamén sen pasar pola coitela).
Pois esta é unha das cuestións que trata Orlan nos seus últimos traballos.
Esta francesa, artista polémica e transformadora incansábel, traballa dende os 17 anos modelándose a si mesma dende os sentidos máis diversos. A súa é unha búsqueda constante de identidades distintas ás que nos impón a sociedade e, a través das súas performances e fotografías, invitanos a reflexionar arredor do que de contrución hai na identidade (interna e externa).
Unha das súas obras máis raras e controvertidas foron seis operacións de ciruxía estética, que se gravaron e retransmitiron ao vivo. Ademais de grima, o primeiro que pode producir isto son dúbidas sobre a saúde mental desta boa señora. Porén, unha vez coñecido todo o seu traballo, unha pensa que debe haber algo máis no fondo. Se cadra é algo especial esa vontade súa de posuír por completo o seu corpo e de usalo até as últimas consecuencias como arte, para dicir cousas, criticar, e ironizar até o carnavalesmo.

