01 maio 2007

Elixe a vida


Elixe a vida, elixe un emprego, elixe unha carreira, elixe unha familia, elixe unha televisión grande que te cagas, elixe lavadoras, coches, equipos de compact disc e abridores de latas eléctricos, elixe a saúde, colesterol baixo e seguros dentais, elixe pagar hipotecas a interese fixo, elixe un piso piloto, [... ] elixe o bricolaxe e sentarte os domingos pola tarde a preguntarte quen coño es, elixe sentarte no sofá a ver concursos que embotan a mente e aplastan o espírito mentres enches a túa boca de puta comida lixo.

Así comeza a adaptación cinematográfica de Transpotting, unha plasmación da vida ideal dos seres adultos posta na boca de Renton, un deses protagonistas de Irvine Welsh que non elexiu a vida.
Sen que pretenda ser un alegato a favor da drogadición, chega un momento no que unha xa non sabe se dá máis medo, se a “non vida” ou esa suposta “vida” modelo.
A perspetiva dunha existencia adulta gris, na que un ou unha xa é demasiado madur@ para todo: para saír até a mañá do día seguinte, para ir a concertos, para durmir fóra da casa a miúdo, para facer viaxes con mochila, para ... E así até que a descarga de endorfinas se reduce a botar un polvo algún que outro sábado ou a que o teu equipo gañe a Champion.

Semella que ser feliz pasa por ir superando unha serie de metas que a sociedade che marca sen nin tan sequera formularte se son esas as túas. E se, por que non queres ou non podes, non chegas até elas... o fracaso. O problema deses esquemas que estruturan e moven as nosas vidas, ademais de que nunca elixes nada, é que chegad@s a certa idade o colapso está asegurado.
A renuncia ás utopías, a falta de identificación coa xente que xeracionalmente che vén detrás, a ditadura do reloxo biolóxico (ollo, que os homes tamén tedes) e o “sentido común” rematan na depresión ou nese especimen de adulto fabricado en serie como as camisetas de Zara.

Claro que non estou dicindo que todo o mundo sexa así, nin sequera creo que lle poida pasar a calquera, hai exemplos que o confirman. E cando aparecen esas persoas que seguen fieis a si mesmas aínda que todo o que as rodea se esforza por endereitalas como “adultos modelo”, que nin son nin aparentan nin pretenden selo, semella aínda máis estúpido querer perdelo todo por poder falar na sobremesa do baixo das cortinas, o colexio de pago d@s nen@s e o coche novo.

Etiquetas: