13 abril 2007

E ti de quen es?

Está claro que en todos os lados hai distintas posturas e maneiras de ver as cousas, incluso cando o que miras é, supostamente, o mesmo. Pois no feminismo, acontece o mesmo, como xa moit@s de vós comentastes nalgún post anterior.

O feminismo como movemento semella algo abstrato, difícil de definir ou cunha definición que crea dificultades se se profundiza. Dicindo que o feminismo é o movemento pola igualdade de mulleres e homes dicimos unha verdade, pero unha verdade que se pode entender, para empezar, de dúas maneiras distintas. Aí está o que se deu en chamar feminimo da igualdade e feminismo da diferenza.

Aínda que non coñezamos profundamente o que postula cada unha destas dúas teorías, a nosa percepción de como funciona a desigualdade de xénero e o que nos imaxinamos como situación ideal de igualdade fai que, máis ou menos, o noso pensamento encaixe con unha ou outra.

Por unha banda, o feminismo da igualdade é exactamente iso, a idea de que mulleres e homes somos iguais, e que as diferenzas (exceptuando algunhas físicas e moi obvias) están construídas sobre o xénero, dous patróns artificiais cos que a sociedade nos modela como homes ou como mulleres. Aquí, a forza para acabar coas desigualdades faise sobre o feito de ser esencialmente seres humanos, e non machos ou femias.

E pola outra, está o feminismo da diferenza, que xa polo nome chama a atención (ou alomenos a min chamoumo a primeira vez), aínda que tampouco este é moi críptico. Mulleres e homes son diferentes (eles de Marte e elas de Venus), pero aquí diferenza non quere dicir desigualdade e est@s feministas fan forza sobre a diferenza sexual para conseguir a liberación da muller cara a súa verdadeira identidade. Ademais, opinan que intentar facer que homes e mulleres sexan iguais é asimilar as mulleres aos homes, que son tradicionalmente entendidos como o modelo de neutralidade.

Eu, non vou enganar a ninguén, son do feminismo da igualdade. Ocórrenseme moitas razóns pero como dicilas todas daría nun post totalmente pesado e mandariadesme a tomar o sol antes de rematar de lelo (e non quería :)) direi só o que me aparece máis importante.

Segundo eu o entendo, facer fincapé nas cousas que nos difencian é, cando menos, arriscado xa que non creo que poidamos afirmar con seguridade que é “esencialmente” unha muller, salvo unha cousa: elas teñen vaxina e eles non (por non empregar o pene como medida de todas as cousas). E coido que hoxe en día nin tan sequera iso, porque danse outras posibilidades de relacionar sexo e xénero (estou pensando na transexualidade).

Tanto o que hoxe entendemos por feminino como por masculino é algo aprendido que non significa sumar características esenciais, senón restar as que supostamente ten @ outr@: as mulleres non son racionais, os homes non son sensíbeis, as mulleres non son ambiciosas (este adxetivo tamén ten un significado positivo), os homes non son coperativos nin teñen empatía para traballar en equipo...

Poida que expoñendo antes a miña opinión vos estea condicionando, pero tede en conta que é así e pasade de todo, se disentides tamén se crea debate, que é o que mola...
E ti de quen es?

Etiquetas: