Memorias dunha nena católica I
Unha das cousas boas de ser unha arrenegada do catolicismo é que, a pesar de disfrutar das vacacións, non te sintes aludida pola semana santa o máis mínimo. E iso implica unha chea de tempo libre.Diredes que iso non é algo novo porque case ninguén se sinte atinxido por isto e que o único que implica son días libres no curro (se tes sorte). Pero houbo un tempo no que eu si participaba deste tipo de celebracións e iso fai que sexa especialmente consciente do tempo libre e da tranquilidade espiritual que gañas pasando de todos estes rituais, e do que hai detrás deles.
Fai moitos anos a miña manciña pequena era guiada pola avoa, unha muller devota con boa intención, que me ensinaba as contestacións besbellantes da misa (e que ninguén que non se iniciara nelas é capaz de descifrar), a rezar as oracións clave que me habían protexer de todo e que me adentraba no misterio dos velatorios e do santo rosario. Por desgraza morreu antes de que eu puidera aprender a rezar o rosario, o que foi unha mágoa, xa que a estas horas serviríame como repertorio exótico para recitarlle aos colegas e deixalos pampos. E como performance non había ter desperdicio, na penumbra das velas e con música de Marilyn Manson. Ben, non puido ser, non o aprendín e agora xa non teño paciencia.
Pero moitas daquelas cousas que me ensinaron como letanías ficaron nalgún sitio e só teño que desconectalo todo e deixar obrar ao chip, que pronuncia por min unha serie de frases con ritmos automatizados das que só máis tarde conseguín extraer algún tipo de significado.
Unha desas cousas estremecedoras que gardaba oracións exorcizadoras era o libriño do catecismo. O pequeno adoutrinador viña ilustrado con debuxos de nenos loiros e preciosos correndo cara Xesús, e de nenos malos, espeluxados e coa roupa raxada e sucia, que eran os amigos de Satanás. Unha non podía acreditar que houbera nenos tan malvados ciscados polo mundo adiante.
Ao lado das ilustracións, historias infantís que contaban entre outras cousas como un neno que lle levaba ostias consagradas a un moribundo era apedreado por un grupo deses nenos malditos, que o deixaban tirado no camiño nas últimas, soñando co reino de deus.
“Hai dos bandos: el de Jesús y el del Demonio, y los niños que comen golosinas y no hacen los deberes pertenecen al bando del Demonio”. (Ti verás onde te queres meter).
Etiquetas: frechas ao aire, relixión

