Eu ficaba en Coimbra
Unha das cousas máis impactantes foi atoparse ao chegar de madrugada cunha chea de xente vestida de traxe e capa; na nosa ignorancia supuxemos todo tipo de cousas: unha peli?, a última moda en Coimbra? tunos?...
A miña primeira sensación foi “buff! Pero que mal rollo me dá esta xente...” e resulta que para algunhas cousas unha debe ter os sentidos agudizados porque polo que viñemos a saber eran, efetivamente, peña moi chunga.
O que viramos eran estudantes que na celebración da Queima das Fitas sacaban a súa vestimenta tradicional. Aínda que non goste moito dos traxes e os zapatos de medio tacón, a cousa non tería moito problema (cousas das tradicións) se non fora polas implicacións que esa moda ten: a praxe.
A praxe é unha especie de código que regula unha orde social xerarquizada dentro da comunidade universitaria. En principio seméllase ás típicas novatadas, pero existe un complexo e ríxido regulamento cheo de normas, sanción e simboloxías que lle dan o valor de leis, que moi poucos cuestionan.
Todo isto, ademais de facer que no teu primeiro ano de carreira deixes de ser unha persoa para convertirte en “iso” e de permitir que te humillen até que chegue o momento de que poidas humillar ti, chegou a causar mortes. Porén iso non fixo nin que as institucións académicas tomasen cartas no asunto nen que a revolta dunha pequena parte do estudantado conseguise que desaparecese.
A día de hoxe só un pequeno número de repúblicas (hai arredor de 26) están en contra da praxe. Entre elas, a nosa anfitriona a Pra-kys-Tao, que Mario definiu moi acertadamente ("un cruce entre unha casa okupa e unha residencia de estudantes"), a casa é espetacular, case como vivir unha obra de arte que se move, as fotos falan por si mesmas.
En fin, eu quedaba aló de boa gana, a levar vida bohemia e tirarlle caldeiros de auga dende a fiestra aos corvos de traxe. E se pasan por aquí: obrigad@s infinitamente á Lidia, ao Antúan e á Bea, que nos coidaron mellor imposíbel :)
Etiquetas: frechas ao aire

