Ledo Andión
Ás veces, camiñando pola rúa con tempo para deterte nas caras e nos andares, topas con algunhas figuras que te sorprenden e hipnotizan os breves segundos que tardan en esvaecerse por calquera esquina.Isto sempre me pasou con Margarita Ledo, mesmo antes de saber que era ela. O paso tranquilo e firme dunha muller de certa idade, case sempre vestida de negro, elegante, e con algún sombreiro que lle dá un aspecto enigmático, unha presencia que sempre me pareceu distinta a todas as demais persoas que camiñaban ao redor.Sen dúbida é unha imaxe interesante porque detrás se sospeitan moitos mundos e moita vida percorrida, cunha actitude especial. Despois puiden saber máis cousas dela, ler traballos seus, e a sensación reafirmouse.
Desde moi nova comezou a súa militancia independentista, militou na UPG e estivo exiliada varios anos en Portugal, onde traballou como contacto da organización da outra beira do Miño. Ao caer a dictadura regresou á Galiza e puxo en marcha o semanal A Nosa Terra, máis tarde tivo que marchar a Barcelona (onde xa estivera estudando) porque durante unha época aquí se lle pecharon moitas portas pola súa traxectoria de militancia política. Traballou como profesora na universidade de Barcelona e aquí impulsou a creación da Facultade de Xornalismo e Ciencias da Comunicación.
Se cadra a súa faceta de literata é a menos coñecida, aínda que eu cheguei a ela polos seus libros de narrativa: Porta Blindada, Trasalba ou Violeta e o militar morto e Mamá-fe. Para min son altamente recomendábeis, e agora que na literatura se fala tanto de cambiar a linguaxe dende a mesma estrutura e buscar vías novas que rompan os esquemas que nos lastran na comunicación, resulta moi interesante ver como Margarita Ledo pon en funcionamento xa neses libros toda unha serie de mecanismos de experimentación que crean pezas irrepetíbeis.
Tanto nestas obras como nos filmes que dirixiu (Santa Liberdade e Liste, pronunciado Lister) o posicionamento político e a mirada crítica son unha constante que se engaden á arte de narrar historias, co empeño de mostrar sobre todo aquelas que a Historia (con maiúsculas) se afanou en esquecer.
Estes días é noticia polo seu ingreso na Real Academia Galega, que se consumará co acto de entrada que ten lugar este próximo sábado. Recoñezo que non son moi partidaria desta institución, de como funciona e do que a día de hoxe significa a efectos reais (ben, igual que non o son doutras que tamén funcionan coma o demo). Pero se cadra fai falla que entren mulleres, e mulleres cama esta, para abrir un pouco as fiestras da ilustre casa e, de paso que ventila, deixar que entren cousas novas que a cambien alomenos un pouco.
A ver se é verdade.

