Es feminista?
Unha pensa que xa leva visto de todo niso das actitudes negativas cara o feminismo, pero ás veces as cousas chegan até tal absurdo que é imposíbel non flipar...O último foi un test que atopei na rede para comprobar se realmente eras feminista porque: “Muchas feministas realmente no lo son. Son mujeres que piensan que los hombres y las mujeres son iguales”, ese era o encabezamento das preguntas.
Supoño que en algún momento entendín mal o que significaba “feminismo” e debe de tratarse de algo chungo xa que dicir que es feminista provoca as mesmas reaccións que dicir que comes nenos.
Ben, fixen o test (como resistilo??!!) e a medida que contestaba xa me fun dando conta de onde estaba o problema e ao final confirmouse. Eu non era feminista, o meu era algo así como “respetas a las feministas pero no las temes”, eu en realidade era unha chica moderna. Creo que o problema foi que fallei nas seguintes preguntas:
·¿Te gusta tener siempre buen aspecto y cuidas de detalles como la línea, el pelo y la ropa?
E eu contestei que si, que lle vou facer, gosto de que a roupa me asente ben e que non pareza que me caeu enriba coma un saco, acostumo peitearme polas mañás e non considero que estar gorda sexa un acto militante de nada.
·¿Lo mejor del mundo es ir de compras un sábado por la tarde?
Ben, o mellor do mundo non é pero como o fixen esta mesma fin de semana... pois tiven que constestar que regular ou bastante porque supuxen que outra cousa era mentir.
Conclusión: ser feminista é incompatíbel con ter bo aspecto e diría que até con estar saudábel, xa sabemos, nada de suxeitadores nin de cremas... esas cousas son instrumentos do demo. O máis militante respeito a este tema sería cortar o pelo, engordar e levar camisetas XL, independentemente de que sexa a túa talla.
·Sinceramente, ¿quieres ser como Mafalda cuando seas mayor? (encantoume o “sinceramente” co que empezaban algunhas preguntas, “pero por favor, no me digas que que quieres ser como Mafalda...”)
Eu persoalmente, non teño ningún interese en particular pero parece que é a fin que lles espera ás feministas. E mira que coñezo a unha chea de feministas degadísimas, que non teñen o pelo rizado, que non son arxentinas e incluso a algúns que non son mulleres.
·¿Necesitas amar a la persona con la que mantienes una relación sexual?
·¿Puedes excitarte con una revista porno o algún cómic erótico?
·¿Te gusta el juego sexual, probar posturas nuevas y todas esas cosas?
As miñas respostas foron Non, Si, Si. E de verdade que creo que o test me deu mal por contestar iso, sobre todo. Porque as feministas non gostan dos corpos bonitos, nin das posturas novas, nin do sexo, en todo caso poden ser lesbianas e deitarse con outras mulleres, só, pero tampouco disfrutan diso... As feministas son asexuais e están en contra do pracer en xeral.
·¿Tus mejores amigas son y siempre han sido mujeres?
Pois non, teño un pouco de cada (gosto da variedade para todo) pero supoño que isto vén a demostrar unha vez máis que non son feminista porque elas non toleran o trato cos homes, só o estritamente necesario.
Diredes que todo isto son impresións miñas e que o test non quere dicir (aínda que sexa indirectamente) todas esas cousas, pero non o puiden evitalo e volvino facer coas respostas que eu cría que me ían facer feminista... E acertei!!
Algúns estractos do resultado: "Probablemente has vivido alguna situación extrema que de algún modo te ha hecho reflexionar y llegar a la conclusión de que la mujer ha sido y sigue siendo maltratada física y mentalmente" (quede claro, só se chega a ser feministas despois de que teu pai che pegara de pequena ou de sufrir unha violación) “Eres un poco ceñuda y agresiva” (por favor, @s que me tratades, dicídeme que non!)
De verdade, recoméndovos que o fagades, temén hai ¿Eres normal?, ¿Eres egocéntrico?, ¿Eres equilibrado?, ¿Eres celoso?, ¿Eres sociable?... Aquí todas as verdades sobre vos mesm@s.
Ás veces paréceme que hai xente que se fai unhas ideas mogollón de raras sobre este tema. Supoño que por moitos avances que se fagan en materia de igualdade o feminismo sempre estará lastrado por esa imaxe negativa que del se creou socialmente a base de estereotipos ridiculizadores para desacreditar todas as súas reivindicacións. Imaxino que ademais de mala intención, haberá moitos casos de ignorancia pero tampouco costa nada mirar na wikipedia (xa non digo máis) antes de falar e soltar barrabasadas, porque o do test aínda é simpático pero xa teño escoitado que o feminismo é o mesmo que o machismo pero ao revés.
Nota: este post vai adicado a dous rapaces encantadores que ademais de amigos son feministas, ao Arredista (porque llo prometín e o merece) e a Arsenio (porque está lonxe e se bota de menos).
Nota2: mi má! que cousa máis longa acabo de facer! Graciñas por chegar até aquí ^_^

Etiquetas: feminismo

