06 fevereiro 2008

Lembrar

Se pensamos que nós como personalidades individualizadas chegamos a ser como somos a través do que vivimos podemos entender que o que nos constrúe é a nosa memoria, o feito de lembrar as circunstancias que nos fixeron evolucionar nun ou noutro sentido e chegar até o estado actual.

Lembrar o pasado fai que narrativicemos a vida e elaboremos a nosa historia. Seleccionamos uns episodios e non outros, modulamos a súa intensidade, vinculámolos a palabras e dámoslle unha orde.

Repetímolos.Os feitos van perdendo intensidade pero as palabras perduran.

Chega un punto no que a forza de contar algo moitas veces, sobre todo se é algo alonxado no tempo, o feito en si perde nitidez e esvaécese até que o que resoa na nosa cabeza son as palabras coas que o contamos sempre.

Cada vez lembro as imaxes da infancia de xeito menos vívido pero son capaz de contar unha chea de anécdotas porque as levo contando anos e están fixadas na miña memoria con palabras. Este é un xeito de facelas permanecer pero tamén de restrinxilas, os detalles que non repetimos na narración bórranse.

Lembrar non significa tan só evocar feitos ou emocións pasadas, é imposíbel que esta acción se desenvolva á marxe da nosa experiencia actual e da nosa percepción e valoración dese pasado. Aplicámoslle ás circunstancias unha importancia maior ou menor da que tiveron no seu momento, interpretamos o sucedido baixo a luz do que sabemos que pasou despois e a nosa evolución persoal fai que reelaboremos os recordos, engadindo valoracións e análises que se nos escaparon no seu momento. Logo, case podemos dicir que recordar é calquera cousa menos reproducir os feitos tal como pasaron.

Algunhas persoas conciben o pasado como algo finalizado e fechado, inmutábel.Un ou unha nese antes e ese despois vese como dúas persoas distintas, podería dicir que eu con 14 anos era outra moi distinta da que son agora.

Outra maneira de velo é como algo que permanece e flúe, que non se interrumpe. Pero tamén algo que se reelabora na nosa mente sen que deixemos, porén, de ser @s mesm@s. Unha idea semellante a esa concepción do río como corrente de auga, que sendo sempre o mesmo é sempre distinto, ao á inversa.

Etiquetas: