Vernos con outros ollos
Tradicionalmente, a imaxe da muller respondeu a estereotipos creados pola clase dominante patriarcal. As mulleres levan séculos definíndose a si mesmas mediante uns parámetros creados polos homes, e estes estereotipos penetran en nós, aínda hoxe, dos xeitos máis sutís até converterse en parte da nosa personalidade de maneira inconsciente.Así que podemos dicir que nosoutras nos miramos a nós mesmas a través dos ollos deles. E a pesar de que esa imaxe, que confundimos co que somos, vai cambiando ao longo do tempo, nunca acaba de quedar claro se nela hai algo que realmente nos pertenza, xa que cada representación feminina semella estar dirixida cara o seu sometemento social e responder a determinados intereses patriarcais.
Era aló polo século XIX, en plena decadencia da nobreza e aparición dunha clase media, cando comezaba a desprezarse certo ideal de muller, antes de moda, baseado na imaxe e o estatus social. A muller aristócrata, dona de capital, rodeada de luxo e con certo acceso (limitado) á cultura era vista como a encarnación da frivolidade. Porén, esa exaltación das virtudes superficiais foi substituída pola búsqueda doutras cualidades máis fondas, que sen dúbida tiña a muller. Digamos que, só por facernos un favor, o modelo cambiou para a imaxe da muller doméstica, e da feminidade social pasamos a unha feminidade máis “moral”, na que unha muller era aprezada polas súas virtudes interiores. Entre as nosas mellores capacidades estaban as de ser discreta, modesta, defensora e practicante da boa moral, saber facer as tarefas da casa (e se eras de clase alta saber mandar facelas) e economizar.
Non podo deixar de lembrarme da letra dunha canción que aínda tocan hoxe nas verbenas e que ben moito ao caso: “te compro a tú novia: es buena, econimiza y sabe hacerlo todo en la casa”, durante moito tempo pensei que dicia “y sabe hacerlo todo en la cama”, pero non, nen iso.
A contrapartida de cumprir o ideal era ser respectada polas túas cualidades como persoa e non só por ser guapa ou ter diñeiro, convertíaste na dona e señora da casa, con poder absoluto para mover xarróns de sitio e esas cousas.
Loxicamente ese prototipo de muller volveu cambiar, varias veces, até o punto de que hoxe creo que existen múltiples estereotipos convivindo uns con outros e entre os que se supón que podes escoller, dependendo do que máis che mole ou das posibilidades que teñas. Pero a pregunta é, algúns deses modelos representa o que son as mulleres?
Para min un dos problemas do feminismo, e tamén o que leva a unha grande confusión sobre ese termo, é saber o que entendemos por ser unha muller liberada. A loita de superación da muller, que antes consistía en perfeccionar o modelo patriarcal da época, agora debera ir cara a procura dun camiño propio, que seguramente atoparemos enlamado por un montón de dificultades nuns casos, e noutros daremos con falsos espellismos que nos prometen outros estereotipos, esta vez, máis refinados se cadra e que non deixan de ser outra forma de somentemento, seguro que a tod@s se vos ocorren moitos vixentes actualmente.
Etiquetas: feminismo

