pensar non doe
Esta mañá fun devolver un libro ao cabo do mundo, pero o paseo cruzando a cidade valeu a pena, non só porque deixarán de chegarme mensaxes ameazantes da biblioteca, senón tamén por dar con esta pintada, que me alegrou o día. É destas cousas que me encantan, ir andando soa pola rúa e descubrir algo que che debuxa na cara un sorriso de orella a orella ou que fai que te escaralles de risa directamente.E o caso é que tendo en conta a época do ano na que estamos, con exames, traballos e oposicións, diredes que pensar en realidade si doe, esgota e que te deixa cunha sensación de “por favor, quero recuperar a miña vida e o meu tempo libre”. Pero esta pintada non me fai pensar exactamente nese embotelamento de ideas ao que a comunidade académica nos somete coa promesa dun sitio digno na sociedade, que na maoría dos casos queda nun traballo precario, ou dunha suposta cultura, bastante encorsetada se é que chegas a ter algo diso só con asistir a clases.
En certo modo e analizándoo dende outra perspectiva que non sexa a da mera dor física, creo que pensar sí doe ou polo menos incomoda. Véuseme á cabeza, concretamente, ese tipo de exercicio de pensar ao que chamamos espírito crítico, algo que implica cuestionalo todo, someténdoo a unha análise profunda antes de asumilo como verdade absoluta, unha cousa que escasea tanto ou máis que o sentido común.
A sociedade, xunto coas súas verdades absolutas, proporciónanos unha chea de caixiñas para que clasifiquemos a realidade que nos rodea e a nós mesm@s, como fan os nenos ao meter as figuriñas no furado da mesma forma. O problema é que, aínda que resulta infinitamente máis cómodo, a existencia humana é máis complexa cá iso e non todo encaixa nesas marabillosas e sinxelas definicións que nos dan da “realidade”. Cando unha persoa non é quen de prescindir desas caixiñas que lle permiten vivir co automático posto tropeza con algo que non é “normal”, producíndose o que eu chamo cortocircuito mental.
As luces vermellas acéndense e o sistema dá erro, ditas persoas deixan de computar calquera dato que non estea na súa base: non é posíbel que gostes dalguén do teu sexo (ben, agora é posíbel, pero nunca che pasa a ti nin aos que te rodean), non é posíbel que sento muller non queiras casar, non é posíbel que penses radicalmente distindo aos dous partidos maioritarios, non é posíbel que non queiras levar a vida daqueles que mercan o mercedes e o visón, que gostes máis de ler case calquera cousa que de ir bailar reggaeton ou bacalao á disco de moda... Para todo isto créase outra caixiña, a d@s rarit@s.
Porén, esta é a parte máis superficial e evidente, rascando un pouco atopamos todos eses razonamentos clonados que fan que a sociedade vaia tan ben como vai para os que lles vai ben, que ninguén se pregunte nada, poña en dúbida nada e que se repitan os esquemas considerados “naturais”. Facelo doutro xeito implica un esforzo molesto que desestabiliza o chan que nos sostén, ter que elaborar por unha/un mesm@ outras nocións das cousas menos sistemáticas (e os humanos adoramos a sistematicidade). E vénseme á cabeza Matrix, vivir comodamente ou ter que comer esas noxentas gachas.
Etiquetas: frechas ao aire

