18 junho 2007

Reapropiarse do corpo

Uff! Isto xa empezaba a criar malvas! pero despois de escapar do secuestro académico ao que me tiñan sometida e de (des)cansar as neuronas e o corpo esta fin de semana... volvo ser unha muller libre, ou alomenos con algo máis de tempo. Obrigada a tod@s polos vosos comentarios que fixeron que a cousa non morrese de todo :)

E pensei que o tema d@s performers da body art daba para moito máis, porque crean certa polémica e porque ultimamente me está dando moito que pensar. Persoalmente, interésame sobre todo o traballo das performers mulleres que traballan co corpo e que pretenden transmitir a través das súas obras unha mensaxe de denuncia da opresión da sociedade. Non creo que sexa casual que sexan tantas as que escollan esta vía, máis ben paréceme que o corpo ten unha enorme potencialidade significativa, que foi reprimida e reorientada cara os intereses dunha simboloxía patriarcal. De maneira que podemos dicir que o corpo nos foi usurpado, tanto a homes como a mulleres, aínda que as que peor paradas saímos fomos nosoutras.

Segundo explica Pierre Bourdieu no seu libro A dominación masculina, a diferenza e oposición entre home e muller fundaméntase sobre unha suposta diferenza biolóxica, que nos predetermina para desenvolver uns papeis ou outros dentro da orde social (semella algo moi obvio pero vale a pena ver o seu desenvolvemento de todo isto). Así que o feito de ter cousas distintas na entreperna pasa a ser o símbolo e a xustificación da diferenza social e das estruturas de dominación, que se constrúen a partir dunha concepción falocéntrica desa oposición: home/muller, forte/feble, dominador/dominad@, etc. Desta diferenciación que pretende demostrar biolóxicamente a inferioridade da muller parte toda esa estrutura de dominación patriarcal na que somos sociabilizados, e que afecta primeiramente á concepción mesma do corpo.


É por iso polo que é tan importante para as mulleres recuperar o dominio sobre o seu corpo, que foi usado dende nin se sabe como incubadora, floreiro e instrumento para o pracer masculino, algo co que non estou en desacordo se nós tamén sacamos algo ;) Creo que todas estas performers orientan o seu traballo poresa vía, facerse donas do seu corpo para dicir o que queren e como queren; para subvertir a orde social que marca como temos que empregalo, o que non podemos mostrar, ou para usalo como unha metáfora viva do sometemento patriarcal.


Estou de acordo con moit@s de vos niso de que a mellor maneira de reivindicar os dereitos da muller sobre o seu corpo é mostralo tal como é, pero o caso é que estas artistas pretenden ir moito máis aló. Buscan a provocación, o rexeite desas imaxes estereotipadas, mostrar o absurdo dos parámetros polos que nos reximos, ás veces como unha especie de catarse que elas mesmas necesitan e outras cun sorriso cínico que xea o sangue, pero que sempre sempre te fai pensar e estremecer.

O traballo dalgunhas é impactante, grimoso, doloroso tamén para os espectadores, e non podo dicir que goste de todos eles, esteticamente falando, pero atópoo interesantísimo, dun xeito fascinante. Gostaría de facer un repaso polos traballos de moitas delas que estes meses me deixaron pasmada pero non é plan de facer unha cousa longuísima, así que queda para outras postaxes.
Para ir abrindo boca, a primeira foto é de Gina Pane (Sentimental Action) e esta de aquí de Marina Abramovich (The Conditioning).

Etiquetas: ,