Orghullos@s
En principio, a miña idea sobre os "día de" é que son mostra das carencias ou problemas que temos na nosa sociedade, unha maneira de darlle visibilidade por unhas horas a un grupo oprimido, para que fique algo máis contento e tranquilo, ou de lembrarnos que o planeta se está desertizando, etc.
Existe o día do traballo (seguro que tod@s sabedes demasiado ben en que condicións está este tema), o día da árbore (porque non estamos deixando un), o día da muller, o día da muller traballadora (que non parece que sexan o mesmo e iso xa di moito), o día das Letras Galegas (que parece o único xeito de que se fagan cousas relacionadas coa nosa literatura e que algúns se animen a mercar un libro en galego, ás veces nin iso), o día da paz, o día mundial do neno, do papá, da mamá...
Ben, a maioría destes días funcionan como unha liberación de cargo de conciencia, individual ou social, que poucas veces muda nada. Porén, no caso da festa do Orgullo LGBT a verdade é que a cousa conseguiu trascender e ademais de organizarse unhas festas da ostia (todas as celebracións dos "día de" habían de ser así), o feito de saír tod@s á rúa para facerlles ver a quen non queren que somos máis dos que eles pensan é algo que pode provocar algún efecto real na xente.
Encántame que se viva como unha festa e que quede tan patente que esta non exclúe a ninguén, nas marchas que se organizan en moitos sitios hai persoas e tamén familias de todo tipo, así que queda claro que iso da liberdade de escolla, sexual, de identidade, etc. é cousa de tod@s porque é un problema que nos atinxe directamente, de maneira individual e social. De todos xeitos, aínda que goste tantísimo deste día, creo que o ideal sería que tod@s fixésemos por que o orgullo de ser bi, homo, trans, hetero que respeta aos que non o son ou mesmo o de non definirte se non che dá a gana se celebrase todo o ano.
Aínda que con retraso, feliz día do orgullo LGBT a tod@s!!

