Soños e futuro
Gosto de pensar que todo o que vivimos son pequenos tixolos que nos constrúen tal como somos, hai tempo a métafora recurrente era unha caixa de galletas baleira que eu ía enchendo de experiencias (sempre sentín unha avidez especial por facer que desbordara).
Pero ao final as experiencias son moito máis o que sucede dentro que o que pasa fóra: como encaramos o que se nos presenta, como imos elexindo, o que lembramos e o que desbotamos e vai parar á trastenda, o xeito especial no que os soños ordenan os nosos medos e os nosos desexos...
Os soños pesan dun xeito especial na miña maneira de ver as cousas, e agora cando digo soños refírome tanto aos da noite como aos do día.
Se creo que a un nivel profundo a nosa maquinaria mental encaixa os "soños durmidos" como se fosen recordos, tamén me parece que os "soños espertos" deberían formar parte do noso futuro latente, ese que aínda non temos pero que está aí xa, que case se toca e que endereza o camiño para que a man se aproxime a el.
Vernos a nós mesmos como un produto do noso pasado non é nada novo e, se o pensamos ben, pode resultar bastante reducionista e limitante. O que marca a diferenza é a proxección de todo iso, cara onde se enfoca a mirada, os desexos. Que pode definir mellor a unha persoa có que desexa?
Non creo que soñar espert@ sexa debuxar cousas irreais e vivir dentro de fantasías, máis ben semella un trazar camiños polos que gostariamos de camiñar ou que nos achegan até onde queremos estar. Moita xente carece por completo da capacidade de producir ou manexar soños e, se ben hai quen ten valor para semellante cousa, o máis frecuente é atalos curto non vaia ser que nos leven máis lonxe do que nos atrevemos a ir.
Segundo eu o vexo, a nosa relación cos soños determinanos por completo e marca a nosa maneira de entender a vida e de vivila; se iso non é real e non forma parte da nosa identidade...
Alguén a quen admiro dixo (e di sempre): por qué teño que conformarme? eu quéroo todo.
Etiquetas: frechas ao aire


