06 agosto 2007

Soños e memoria

Son despistada, non hai máis. Algunha persoa que quero moito pensa que o fago por amolar pero o caso é que sen ser algo ao que decidira acostumarme pode entenderse, segundo a situación, case como unha virtude.

Ás veces lembro unha historia, ben debuxada na miña mente, con todos os personaxes a moverse e con entidade propia porén, o recordo chega dunha procedencia que non acabo de identificar entre os estantes da miña cabeza. En fin, que non lembro se foi algo que me aconteceu a min de nena, se ma contou alguén, se a vin nunha peli ou se vén dun libro ao que xa non lle sei título nin autor/a. Isto é un atranco bastante importante porque podes acabar contándolle a historia a quen previamente cha contou a ti (avooooa! iso conteicho eu antonte!!!), ou sinxelamente porque a xente pide unha serie de datos que non sempre podo dar e, aínda que o interesante para min sexa a historia, ao parecer resulta moi molesto non poder clasificar esas cousas na parcela da realidade ou da ficción.

Hoxe lembro algúns soños que tiven hai tempo coa mesma ou con máis forza que moitas das cousas “reais” que me pasaron ao longo da miña vida. Soño dun xeito moi vívido e amiúdo quédame unha sensación estraña o resto do día que fai que teña moi presente os camiños que percorrín pola noite. Isto é, ao mesmo tempo, unha cousa interesantísima e unha auténtica putada porque pola mañá érgeste feita unha merda e coa sensación de ter que volver empezar de novo, e seguramente non será nen a metade de emocionante có que fixeche en soños.

Non vou dicir que confunda soños e realidade, aínda non estou tan mal, pero si que estes pasan a formar parte dunha nebulosa que se mestura coas miñas experiencias pasadas. Lembro moitas cousas de cando era moi moi pequena, pero o recordo é xa débil e case podo dicir que as manteño na memoria a forza de contalas máis que porque as sinta autenticamente. Ben, pois esas lembranzas reais van parar tamén a esa caixa de cousas que me foron facendo, xunto coas outras que produciu a miña mente nas horas de sono, ao lado das miñas outras vidas.

A miña psiquiatra particular díxome un día “O máis importante que che vai acontecer na túa vida será o que pase dentro da túa cabeza” Foi unha revelación, un amuleto para sentirse forte diante do ameazante mundo exterior e unha fonte de constante reflexión.
E digo eu: por qué non entender os soños tamén coma vivencias das que aprendemos e coas que nos construímos? recrearnos en todas as nosas outras vidas, perderlle o medo á liña pintada no chan que marca o lado da realidade e da fantasía...

Etiquetas: