22 agosto 2007

O'Keeffe

As súas longas mans eran pouco menos ca un símbolo e ela unha das mulleres máis retratadas da súa época e a inspiración de Alfred Stieglitz. Estas son as cousas polas que foi máis coñecida nun primeiro momento Georgia O'Keeffe (1887-1986) a pesar da súa importante actividade como pintora; como sucede demasiado amiúdo a xente reparou antes nela como musa que como muller artista.

Estas semanas as imaxes dos seus cadros chegaron á miña cabeza moitas veces, será porque é verán (aínda que non se note demasiado) e as cores o invaden todo ou porque, por uns motivos ou outros, algunha das súas obras viñan moi ao caso para cousas que pensei ou sentín, como a "escaleira á lúa" do post anterior, que é un dos seus cadros dos que máis gosto.

Na primeira serie de pinturas coas que acadou éxito colócanos nunha posición estraña coma observadores, aparecen sempre flores cun tamaño desproporcionado que nos fai sentir coma se foramos minúsculas abellas, de xeito que a flor é un ser que case nos engule nun xogo sexual.

As cores e as formas están cargadas de erotismo, por moito que as flores sexan os órganos reproductores das prantas non deixa de ser incríbel o xeito no que O'Keeffe consegue que aparezan. Porén, súa intención non era exactamente esa e non gostou nadiña do ensaio que Marsden Hartley publicou no 1921 sobre os aspectos de carácter sexual na súa pintura.

Podedes dicir que teño a mirada sucia pero a min moitos dos seus cadros parécenme tremendamente sensuais, non sei se é que aí funcionou o subconsciente da autora ou se é que a nosa mente tende a ver cousas relacionadas co sexo cada vez que nos poñen unha mancha diante ; )

E, despois dos lirios de auga, as aráceas e os estramonios viñeron os cráneos espidos do deserto de Novo México. Nunha viaxe que O'Keeffe fixo até alí quedou fascinada pola paisaxe e voltou numerosas veces até que decidiu quedar definitivamente. Desa época son os seus cadros de ósos de animais e de paisaxes de terra vermella, nos que a súa maneira de empregar as cores fai de cousas que asociariamos coa morte e o baleiro algo vivo.

Nas últimas fotos que lle sacaron aparece unha muller de pelo branco e mirada tranquila, na súa casa de adobe (que ela mesma reconstruíu) e rodeada de esqueletes, pedras redondeadas ou pezas de barro que ela aprendeu a moldear con noventa anos. Se se pode elixir, eu quero chegar a ser unha velliña así :)

Pouco antes da súa morte un amigo dixo dela: “Segue tendo algo misterioso. Esta impresión aparece necesariamente. É sinxelamente O’Keeffe. Leva determinada roupa, compórtase dunha forma determinada. É unha grande artista. Ninguén pode contemplar un dos seus cadros sen sentirse profundamente emocionado. Así comeza o efecto misterioso e mantense."

Etiquetas: