30 Outubro 2007

O meme das 8 cousas

Non son moito de contestar memes, non tanto porque non goste da cousa en si senón porque as miñas tendencias obsesivas me fan perder demasiado tempo pensando en qué demo de flor ou paxaro prefiro, cando non considero fundamental ter un "favorito" de todo.

Pero estas semanas ando desganada para escribir no blogue e Besbe dáme unha escusa perfecta para unha postaxe nova, si! un meme. Ademais este é distinto e non pide máis ca unha lista de 8 cousas, as que se queiran, unha lista totalmente aberta (ou iso entendín).

Podería enumerar as 8 cousas que sempre están presentes no meu cuarto, por moito que este cambie de casa ou ubicación, os 8 recordos da infancia que máis se me acordan ou as 8 mentiras que contei máis recentemente... Pero tomando como referencia o que fixo Besbe, aí van 8 cousas importantes no meu xeito de vida e de estar no mundo:

-A “Miña Familia”: co paso dos anos esta palabra tomou para min un significado distinto ao habitual. A "miña familia" está formada pola xente que coñece profundamente o que son e que elexiu quererme precisamente por iso. Son as persoas das que nunca canso e nas que confio como para amosar todo o bo e todo o malo que teño e deixarme coidar.

-O meu espazo, o meu hábitat: doulle moita importancia a iso, ter un lugar para resgardarse, descansar, ler, escribir, ver pelis, estudar, o que queirades. En fin, un cuarto de meu que redefinir á miña imaxe e semellanza :)

-O compromiso e a paixón polas cousas: paréceme que hai moitas coas que comprometerse e moitos xeitos de facelo pero non entendo ás persoas sen ningunha causa, creo que me resultan frías.

-O tema da identidade: é algo que me fascina, dende os puntos concretos que considero básicos na miña (como ser muller e galega) até a idea en abstrato e todo o que se teorice sobre ela, o por qué somos como somos?

-As cidades: se cadra porque tardei moitos anos en vivir nunha.

-A literatura: toda ( porque me sirve para mil cousas, e forma parte do meu traballo e do meu lecer).

-A música: eses 4-5 (cada vez máis) grupos ou artistas que teñen discos que podo escoitar sete veces seguidas sen cansarme.

-A amplitude de miras: porque che permite aprender, entender aos demais e deixarte escandalizar por moi poucas cousas.

E convido a siguir a facendo listas do que quixer ao Pastor Eléctrico, a Retropower, Begira, ao Gato Violeta, á Doutora Seymour, Dorvisou, Valdeorosa e ao señor Moucho.

Etiquetas: