Miyazaki ou o señor máis riquiño do mundo
Penso que unha/un nunca é tan maior como para non gostar dos debuxos, e non falo só dos Simpson e de Family Guy, senón tamén de moitas series ou películas pensadas para nen@s, que ademais de facerche pasar unha tarde de domingo divertida poden deixarche nos ollos o mesmo brillo que che provocaban esas cousas cando eras cativ@.Se se puidese elixir algo así gostaría de ser unha personaxe dos filmes de Hayao Miyazaki. Este debuxante e director de anime participou en series que tod@s coñecemos, como Heidi e Marco, pero está claro que non é por iso polo que agora se me ocorre facer un post del.
Cada vez hai unha preocupación maior por eliminar os roles sexistas dos debuxos para nen@s pero o caso é que os esforzos seguen a ser insuficientes e unha está chea de ver a nenas repipis e febles, que fan o papel de acompañante do protagonista masculino (que as elixe ou as quere ou as adula ou as salva). Entón agradeces infinitamete que alguén che ofreza algo diferente, que che dean ganas de identificarte coas nenas que aparecen na pantalla e de verte outra vez pequeniña.
Os filmes que até agora vin deste señor (insisto en que non falo deses melodramas de Heidi e Marco, que nunca tiven paciencia) caracterízanse sobre todo por unha cousa: teñen de protagonistas a nenas valentes que fan cousas por si mesmas e que viven situacións máxicas nas que sobreviven a unha chea de perigos e aventuras.
Miyazaki chama a atención pola súa sensibilidade para diseñar personaxes infantís diferentes, madur@s, intelixentes, aventureir@s, fortes e capaces de soñar e perseguir os seus soños. E a parte de todo isto (que xa é moito) os mundos que diseña nos seus filmes son incribelmente especiais, cargados de cousas lindas, de personaxes divertidos e dunha atmósfera máxica que sempre se saca un sorriso.
Cando acabas de ver algo del pregúntaste "que será o que come este señor para ser así de riquiño e facer estes filmes??!!! ao que unha amiga hoxe me contestou "azucre!".
Seguro que xa vistes algo del porque ten algúns filmes moi coñecidos pero por se non é así cóntovos de que van algúns dos que vin e déixovos un remix con algunhas imaxes sacadas deles :)
·A viaxe de Chihiro: no que a protagonista e seus pais caen no poder dunha malvada meiga e ela acaba nun mundo máxico no que ten que traballar nunha casa de baños para espíritos para sobrevivir. Alí terá que salvar todos os perigos que a ameazan até poder vencer á feiticeira e desencantar aos seus pais convertidos en porcos.
·O meu veciño Totoro: onde dúas irmáns que van vivir ao campo co seu pai se fan amigas dun gato xigante chamado Totoro que vén a ser o espírito do bosco. O mellor de todo é o gato-bus vivinte.
·Kiki, a aprendiz de meiga: unha meiguiña de 13 anos marcha da casa dos pais para descobrir o mundo e comezar a súa formación de meiga, abre un negocio e aprende a gañar a vida por si mesma e a confiar nas súas capacidades.
·O castelo ambulante: despois de coñecer ao mago Howl a protagonista é convertida nunha anciá de 90 anos pola bruxa Calamidade e entón comeza a vivir no castelo de Howl, que se traslada dun lugar a outro nas súas propias patas e ten portas a todos os lugares. Así, convertida en velliña participa nunha chea de aventuras intentando que gañe o ben e non o mal sobre a personaxe do mago.
E a miña favorita:
·Porco Rosso: a neta dun mecánico rediseña e repara o avión de Porco Rosso, un aviador (claramente comunista) convertido en porco por un meigallo, que loita contra os piratas e os fascistas. Unha frase célebre: "prefiro ser un porco ca un fascista"

