14 outubro 2007

Vivir en Matrix

É imposíbel fuxir das nosas circunstancias: medras dentro dun contexto social, cunhas costumes, unha determinada maneira de relacionarse, de construír o pensamento, con deberes e dereitos, con leis escritas e normas caladas que coñeces sen saber moi ben como. Podes asumir as regras ou ir na súa contra, pero elas xa están en ti.

O poder está en nós, e cando digo isto non me refiro a que sexa noso, senón a que nace e se reproduce no noso interior coma un virus. El diseña a nosa maneira de entender a vida, de como temos que vivir, as nosas nocións do “normal”, aquilo do que gostamos, aquilo ao que debemos aspirar e do que hai que afastarse, do que é correcto e do que non o é.

O poder crea a “realidade” e nós aprendemos a vivir dentro dela, asumindo as regras básicas do seu funcionamento. Sabemos ben que o poder ten sistemas para garantir o cumprimento das normas. Porén, a orde mantense tamén grazas a que ese poder traballa a máis niveis e que chega a facer nosos os seus desexos e temores. Dentro de cada un/unha de nós hai un carceleiro, un eu que nos di até onde podemos chegar e todo o mal@s que podemos ser, o poder asume en nós a forma psíquica da mala conciencia, que non é tanto o medo ao castigo (quen tamén) senón o medo a perder o “amor” da sociedade e dos outros.

Ben, non é sempre así, podes rebelarte, non é? Pero se fora tan doado e esa saída existise realmente non estariamos no punto no que estamos. Explica Lacan que o poder non só crea a realidade que habitamos senón que prevé todos os posíbeis ataques contra a orde estabelecida e desenvolve camiños ficticios que funcionan como desafogo sen socavar a estrutura imperante. Entón volvémonos alternativos e seguimos sobrevivindo na mesma merda intentando esquivar as mensaxes menos subliminais, vén sendo algo así como intentar escapar dunha marca X e mercar esa outra tan alternativa e barata que logo se ven a saber que é a marca B da mesma compañía.

Vivimos en Matrix, coa diferenza de que aquí non hai unha colonia que resista fóra, nun mundo auténtica e fodidamente real, senón que a nosa realidade fica suspendida no baleiro. Non podemos fuxir do diseñado, nós mesm@s o estamos, a única cousa que podemos facer é intentar mudar o diseño para algo do que gostemos máis sabendo que, aínda así, seguiremos estando dentro. A única maneira de manter un ápice de independencia e dignidade é converternos en fallos do sistema.

Nota: despois da depresión (ou cabreo) que vos acabo de producir con este post, dicir que é só unha rallada para pensar sobre o tema e que eu si creo que a rebelión é posíbel, ou que alomenos non podemos renunciar a intentalo.

Etiquetas: ,