25 novembro 2007

Construíndo mundos

Sabemos que se aproxima perigosamente o nadal porque o frío apreta, no super comezan a aparecer turróns e a televisión énchese de anuncios de xoguetes que compiten pola atención d@s nen@s.

Lembro que a medida que medraba ía vendo nesas mini pílulas de fantasía e felicidade algo que se asemellaba bastante á mentira e que ás veces rozaba coa crueldade. Primeiro porque cando rompía o papel aparecía o agasallo que aos p. reis lles dera a real gana (pouco que ver co que eu pedira) e segundo porque acabei por decatarme de que os anuncios eran un engana-bobos e que a boneca viña soa e sen todo o despligue de decorado e complementos que lle poñían ao redor, o mesmiño que a granxa de PinyPon ou o xogo aquel da plastilina.

Cores, purpurina, efectos especiais, cancións pegañentas, nen@s emocionad@s e radiantes e unha voz que te mete nunha peli incríbel na que ti es Spiderman, un pirata, unha princesa, unha mamá ¿?

Agora os anuncios de xoguetes intrésanme máis se cabe pero por outros motivos. Fico fascinada diante da tele, vendo como a pantalla se enche de barbies, bratz, nenucos ou sets de maquillaxe con nenas que revolotean arredor e se convirten en mamás, princesas, chicas malas... Todo é rosa (fixádevos) e teñen cancións ñoñas acompañadas por unha voz de muller super doce que anima a que te adentres no conto ou o fagas como mamá.

Obviamente isto son xoguetes para nenas, non aparece un só homiño en ningún destes anuncios porque os homes non soñan con ser papás e non consiguen bos resultados para a súa popularidade maquillándose ou facéndose peiteados super ideais.

As nenas son educadas na ética do coidado e na preocupación polo aspecto físico mentres que os nenos son instados a actuar, a convertirse no super heroe e a desenvolver o gosto polos coches, os deportes e a loita.

Todo me parece ben, cada unha desas cousas son necesarias ou boas para a nosa vida, coidar de nós e dos demais e acadar o ideal do super eu que simbolizan os heroes e heroinas, etc. A pregunta é: por qué todo isto non se pon ao alcance tanto dos nenos coma das nenas? Falamos de que os roles de xénero son perxudiciais pero os estereotipos cultívanse dende a infancia.

Perdemos tod@s, as rapaciñas só poden soñar na esfera do doméstico e da beleza e aos nenos péchanselle por completo esas portas, teño amigos aos que lles prohibiron espresamente pedir a perruquería de Play Doh, xa me diredes que ten de malo ser perruqueiro ou poñerse ghuap@...

As cousas pouco cambiaron dende que eu era pequena, cada vez hai máis xoguetes educativos e dos calificados “unisex” pero non entendo porque non o poden ser todos.

Etiquetas: