30 janeiro 2008

Ceo literario e os seus planetas

Diría que absolutamente nada ten un significado ou unha función unívoca. As interpretacións, os puntos de vista, as reinvencións, os trasvases, as reciclaxes, as metáforas...

E se falo da arte de construír cousas cos libros, de levantar libros sobre o chan, suspendelos no espazo, de crear superficies diferentes que nos sosteñan a nós e aos mundos. Se evoco ao libro como brocha, como tixolo, como rede, e penso na súa utilidade para diseñar, edificar, atraparnos, para envolvernos e encher un cuarto de cor e historias... que significa?

Pois neste caso concreto, que me lembrei da exposición de Peter Wüthrich que houbo no CGAC e que me perdín porque, coma sempre, andaba na verza :p
Porén, entre os posters que o museo garda dalgunha das obras d@s artistas que pasa por alí atopei o da foto e quedei completamente engaiolada por el, agora téñoo no meu cuarto e pensei en falar del.

Este danés ten como centro da súa obra ao libro, con el xoga a contar historias e a transmitir conceptos pero dándolle un uso pouco habitual. Wüthrich deixa que a concepción dos libros como soporte material ocupe todo o seu significado e emprégaos precisamente como un material co que crear as súas obras, como serve a pintura, a madeira, a pedra... Así que dicir libro-tixolo ou libro-brocha quere dicir iso literalmente.

Moitas das súas exposicións consisten en amplas salas nas que se apilan unha chea de libros formando estruturas arquitectónicas, espazos e figuras nas que xoga coas formas e os tons das cores, cun gusto especial polo minimal.

Nun primeiro momento pode parecer un traballo superficial no que se sustitúen as pezas do Lego por libros pero cada obra relaciónase tamén conceptualmente co munda da literatura: como escolle aos autores que inclúe en cada instalación, a simboloxía que se extrae do uso que lle dá aos libros, o título dos traballos ou pequenas frases extraídas de obras literarias que nos guían cara a intención do artista serven para crear todo un mundo conceptualmente rico a través dos libros sen abrilos.

A obra da foto chámase “Ceo literario e os seus planetas” e fíxose con tres toneladas de libros, entre as cales están as páxinas que forman os planetas e que pertencen a 70 obras de autores como Tolstoi, Flaubert, Charles Dickens...
Creo que a ela podería asociarse esta frase, que é unha das que segundo Wüthrich explican a intencionalidade da súa obra artística:

O auténtico escritor é capaz de arrastrar os planetas a través do espazo.” (Vladimir Navokov, A arte de ler )

Etiquetas: ,