22 janeiro 2008

O dereito a decidir

Aínda que poida parecer un debate superado no Estado Español (á marxe das discusións entre opcións persoais) debido á despenalización nos tres coñecidos supostos, está claro que o tema do aborto segue a ser un problema a resolver.

Falaba sobre isto Elianinha e non podo estar máis de acordo co que di, sobre todo no de que á hora de opinar en contra do aborto se fai gala dunha enorme hipocresía.

Neste punto sácase toda a artillería pesada que, se non vén dunha postura cristiá ante o tema, é herdeira dela.

Dá auténtico medo ver os videos de campaña en contra que hai por internet, dende imaxes cheas de sangue e fetos desmembrados até sentimentais cartas da criatura non nata á súa nai asasina... Se tedes estómago, recoméndovos que lles botedes un ollo para ver até que punto chega a manipulación e demagoxia no asunto.

Pero o caso é que non podo evitar pensar que os principais defensores do dereito á vida que están en contra do aborto, tamén se opoñen á investigación con células nai para o tratamento de enfemidades crónicas como a esclerose múltiple, o Alzheimer ou o Parkinson , ao uso do preservativo, a pesar de ser a única vía de control da SIDA, ou á vacina contra o virus que provoca o cancro de útero.

Así que o primeiro argumento esgrimido é o do dereito á vida, un dereito que se lle recoñece ao feto pero, por suposto, non á muller, que ten que renunciar á súa para afrontar a carga de ser incubadora e nai á forza.

Non sei se se pode ser plenamente consciente, se non se pasou por iso, do que ten que ser levar adiante un embarazo, parir a criatura e despois adicar a túa vida a ela, cando non queres tela.
No fondo está o de sempre: o papel de nai da muller está por riba dos seus dereitos básicos como persoa.

Tamén queda claro que o importate é o milagre da vida, unha vez que naces xa podes estar ben fodid@ que lle tes que dar as grazas a deus por concederche o privilexio de existir.
As condicións nas que vaia vivir @ nen@ e as carencias materiais ou afectivas supoño que son cousa a parte, algo que non atinxe a este tema.

Cada quen pode opinar como lle pareza pero dáme a impresión que a xente que se opón rotundamente ao aborto non está tendo en conta as circunstancias de desesperación nas que unha muller decide someterse a esta operación, como se se tratase dun solución fácil e cómoda a algo ao non che dá a gana de enfrontarte.

Tampouco se pensa que nos paises nos que o aborto está penalizado se sigue practicando pero en condicións lamentábeis que poñen en perigo a saúde e a vida da muller. Ben, a non ser que pertenzas á clase alta, entón, como se facía aquí non hai tanto, poderás pagarte a viaxe para visitar a algunha prima lonxana.

Este video é do Movimento Cidadania e Responsabilidade pelo Sim que dá 14 razóns para votar a favor da despenalización do aborto nas eleccións que se celebraron o ano pasado en Portugal. Quedo coa seguinte frase: “Porque estamos a favor dunha maternidade e paternidade plenamente asumidas e responsábeis antes e despois do nacemento”.


Etiquetas: ,