Lucerna?
Os meses de choiva engordan o caudal do río ao seu paso por Portomarín, a súa presenza entón é a da inmensidade, un val bastante grande lambido pola auga e que acolle litros e litros chegando a tapar a ponte vella. A proximidade do embalse de Belesar fai que a corrente fique mansiña, as máis das veces inmóbil, e que o caudal se manteña sempre moi alto durante o inverno.
Porén, co verán diminúe e a auga vai soltando as súas marxes limpas de vexetación, o líquido móvese e semella que o río comeza a volver ao seu antigo ser. Aos poucos van aparecendo pedras salpicado a auga aquí e acolá, vese o que ben puideran ser os restos de caneiros para a pesca, pero o proceso continúa e móstrase como algo aínda máis familiar: casas, camiños, pequenas pontes, valados, esqueletes de árbores... e a vida comeza de novo, os arredores reverdecen, as fiestras e as portas ábrensenos, todo retorna aos nosos ollos.
Dende a ponte nova pode albiscarse algo pero a primeira vez que me metín no que parecía o centro da vella vila... flipei! Estaba anoitecendo e había lúa chea, eu sabía que aquilo tiña que estar alí pero nunca pensara en procuralo, aquela excursión en quad polo que o río vomitara non tiña como fin descubrir segredos, nin eu imaxinaba que aquilo fose tan espectacular.
A ambientación podería ser buscada pero asegúrovos que foi pura casualidade, cando aquilo se nos amosou percorreume un calafrío polas costas, non diría que tiven medo, exactamente, pero de súpeto sentinme dentro dun espazo fantástico, deses que deseñamos nos soños ou que vemos nos filmes.
Sobra dicir que volvín alí, esta vez de día e cunha tarde de sol estupenda. As pantasmas volvéranse pescadores e señoras con sombrilla e eu afaneime en reconstruír cuartos con cortina e alacenas e en tirar unha chea de fotos que me parecen mentira cando o río sobe e o come todo de novo.
Imaxino aos seus habitantes volvendo, recollendo as lembranzas vividas entre as paredes desfeitas, intentando reubicar os mobles nas pozas que quedan unha vez que os edificios se soltan do río. Como se sentirán? Os que aínda viven hoxe daquela serían uns nenos pero esa mesma escena tomada poucos meses despois de que o curso inchase podería ser dunha impresión tremenda, ver como o teu fogar se anega mentre fas de novo a túa casiña nun alto dende o que ver a auga baixo a que dorme a vila.
Portomarín é un deses lugares do interior que lle soa á xente (non como a miña aldea, que teño que dar mil explicacións para que a sitúen no mapa) porque por alí pasa o camiño de Santiago. Pero creo que hai pouca xente que se anime a andar o escaso quilómetro que debe haber dende a vila nova até as ruínas do vello Portomarín, desaparecido no 1959 coa construcción do embalse de Belesar. Se tedes oportunidade de achegarvos até alí, ide explorar aquilo porque é algo para ver.
Etiquetas: frechas ao aire

