Os nosos soños
os nosos soños
os seus pesadelos
Se cadra somos novos (non necesariamente de idade senón de espírito), inocentes por crer nos soños e inxenuos por pensar que podemos subvertir a orde das cousas para acadalos. Non temos recursos económicos nin unha posición social que nos reporte poder, tratásenos como a unha minoría, á que se marxinaliza, e non se cansan de repetir que co tempo se nos pasarán as ideas e seremos coma eles... coma eles... unha idea que lles permite durmir polas noites, tranquilizar a conciencia e liberarse do medo.
No fondo toda esa xente -que fala da unidade de españa, que ve conspiracións terroristas por todos os lados, que é tan gallega como el gallego, que pensa que calquera conciencia política (de esquerdas, claro) é darse cabezazos contra a parede- ten medo dos que non pensan coma eles, de perder os seus privilexios, de que consigamos acadar a máis mínima cuota de poder e, sobre todo, de que o usemos coma eles.
Creo que se pode dicir que máis da metade das agresións son producidas polo medo, a todos os niveis, un/ha síntese ameazad@ e ataca para defenderse do perigo. E isto pode facer que vexamos as cousas baixo outra luz: somos realmente perigos@s? por qué é necesario defenderse das persoas de esquerdas, d@s galegofalantes, etc.? e seguindo co razonamento, de que teñen medo machistas, homófobos, racistas? é triste pensar que todas esas actitudes son pura cobardía, medo a perder o poder sobre "o outro" ou sinxelamente ignorancia pero ver que a nosa pequena loita, sexa dende a fronte que sexa e por poucos os logros que se acaden, fai que se desestabilice o seu edificio e sintan a necesidade de sacar as uñas.
Gostei moito da frase e merquei a bolsa na que estaba impresa, un dos recordos que me traio da viaxe desta fin de semana, breve pero intensa.
Etiquetas: frechas ao aire, resistencia

